Xavier Simón presentará a experiencia deste proxecto europeo para a creación de comunidades enerxéticas rurais en Galicia e en Estonia.

Xavier Simón, coordinador do proxecto LIFE EC4RURAL, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e director de transferencia do CISPAC, impartirá este venres, 5 de abril (9:30 h) o relatorio inaugural da xornada formativa e informativa sobre a Transición enerxética no territorio do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terra e Auga dirixida ás alcaldías dos concellos que integran este territorio do sur de Pontevedra. Son A Cañiza, As Neves, Arbo, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño.

O título da presentación de Xavier Simón será “As comunidades enerxética locais (CEL). O papel das entidades locais” e tamén participará na mesa redonda (10:30 – 11:00 h) que pechará o evento.

Entre os seus obxectivos estratéxicos, o GDR Terra e Agua ten como fin favorecer a transición ecolóxica do territorio, motivo polo que organiza este foro de diálogo e participación ao que acoden tanto os municipios socios do GDR como expertos do sector.

Durante o encontro, os asistentes tamén afondarán no papel do sector empresarial local na transición enerxética e nas sinerxías e posibles alianzas coas entidades locais con Alfonso Fernández, enxeñeiro industrial e director executivo da enxeñaría especializada en transición enerxética LUMEA.

 

 

Mesa debate

Unha vez informados, alcaldesas e alcaldes, moderados polo xerente do GDR Terra e Auga, Paco González, participarán xunto os relatores nunha mesa redonda para afondar no proxecto “Xera” do GDR Terra e Auga, arredor do que se artellará e planificará unha estratexia supramunicipal para a transición enerxética neste territorio. Ao igual que “Xera”, o proxecto EC4RURAL, financiado polo Programa LIFE, busca afondar e transformar as relacións entre as autoridades políticas e as comunidades para que o rural sexa actor protagonista da transición enerxética.

Cabe destacar que a participación de Simón nesta xornada é tamén froito de accións previas de difusión e fomento das sinerxías cos GDR de Galicia, como a que tivo lugar na sede da FEGAMP o pasado febreiro.