As xornadas Comunidades enerxéticas no mundo rural: retos, oportunidades e realidades foi un encontro que reuniu na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias a preto dun cento de persoas, entre asistentes e participantes, que buscaron nestas xornadas formarse e pórse ao día sobre diferentes casos de éxito chegados desde todo o Estado español. Mediante presentacións curtas e dinámicas, as persoas responsables de cada unha das iniciativas amosaron as dinámicas sociais que propiciaron o desenvolvemento destas comunidades enerxéticas e compartiron as solucións xurídicas que acompañaron á xestión colectiva deste tipo de comunidades. Presentáronse tamén propostas tecnolóxicas adaptadas aos núcleos rurais e repasáronse os diferentes modelos de negocio dispoñibles para propiciar o desenvolvemento deste tipo de comunidades.
Entre as persoas asistentes predominan os técnicos e responsables políticos de múltiples concellos das catro provincias, pero tamén de empresas de servizos enerxéticos, de comunidades de montes, de grupos de acción rural, grupo ambientalistas, estudantado universitario…
Desde o Observatorio Eólico de Galicia (OEGA) e desde o proxecto LIFE EC4RURAL procúrase que os concellos do rural non queden atrás no proceso de transición enerxética, razón pola que se compartiron boas prácticas coa cidadanía rural e persoal técnico que traballa nese ámbito, para que nos territorios se teña máis opcións na toma de decisións e para ver que os avances son posibles neste sentido con casos de éxito desde todo o territorio nacional.