Introdución
O Concello de Palas de Rei sitúase na comarca da Ulloa, ao suroeste da provincia de Lugo, no límite das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra, e a 36 quilómetros da capital provincial. É un territorio de 3.319 habitantes en 2022, que conta cunha extensión de 199,68 quilómetros cadrados, presentando un grao de urbanización de Zona Pouco Poboada, segundo o Instituto Galego de Estatística.
Pertence ao Grupo de Desenvolvemento Rural Miño-Ulloa (GDR5).
Poboación e estrutura demográfica
A poboación de Palas de Rei revela unha tendencia común á maioría dos concellos galegos, marcada por unha continua perda de habitantes dende 1991 ata 2022, cunha redución próxima aos 1.700 habitantes.
Durante a última década, entre 2012 e 2022, observouse unha redución poboacional menos acusada en Palas de Rei, cun -9,2%, e en Lugo, cun -7%, pero máis marcado en Galicia, cun -3,3%. Este fenómeno pon de manifesto a perda persistente de poboación no rural.
Se se analiza por idades, a poboación maior de 16 anos foi a que experimentou unha maior redución ao longo do período. En concreto, entre 2002 e 2022, o grupo de idade máis afectado pola perda de poboación foi a poboación maior de 64 anos, cun -24%, seguida da poboación en idade de traballar entre os 16 e os 64 anos, cun -18%.
Non obstante, de 2012 a 2022, todos os grupos de idade presentan unha desaceleración da taxa de perda de poboación, co que a redución da poboación adulta sitúase agora nun -8%, mentres que a poboación maior de 64 anos redúcese nun -12,8%. Pola súa banda, a poboación menor de 16 anos presenta un descenso do -11% en todo o período, pero nos últimos dez anos presenta unha lixeira recuperación.
O envellecemento demográfico reflíctese no estreitamento da base da pirámide poboacional e engrosamento da parte superior, así como nun aumento da idade media. En Palas de Rei, a media de idade dos habitantes en 2022 achégase aos 54 anos, sendo a media das mulleres de 56 anos e medio, mentres que a dos homes fíxase en 52 anos.
O índice de dependencia global (IDG) en Palas de Rei alcanzou o seu máximo no ano 2001 rexistrando o 89,5%, unha cifra considerablemente superior tanto a nivel galego como provincial, cun 51% e 60%, respectivamente. A partir dese momento iniciouse un descenso paulatino, influenciado pola notable redución da poboación maior de 64 anos, a un ritmo superior ao da poboación en idade de traballar. En 2022, o índice sitúase en 2022, reducindo a distancia co galego e provincial, que se sitúan no 62% e no 65,8%.
Economía
A evolución do PIB presentou unha evolución diverxente con respecto a Galicia e a provincia de Lugo, con máis períodos de descenso que de crecemento. A finais da década, superou o seu valor inicial, a diferenza do observado a nivel autonómico e provincial. Ademais, o impacto da pandemia menos acusado que en Galicia e Lugo. Aínda que acadou un modesto crecemento do 3,5% entre 2002 e 2020, o seu incremento foi inferior ao observado a nivel galego e provincial, así como no conxunto dos concellos rurais e urbanos.
A Renda Bruta Dispoñible (RBD) amosa períodos de notable crecemento entre 2002 e 2020, principalmente entre 2002 e 2007 , cun 17%, acadando a cifra de quince mil euros por habitante. A partir de entón, mostrou unha tendencia á baixa ata 2014, cando marcou un cambio de rumbo e medrou ata o estalido da pandemia. A renda acaba situándose en aproximadamente 13.415 euros en 2020, tras sufrir unha caída do 4,33% pola pandemia, aliñada coas caídas do 3% e do 1,8% de Galicia e Lugo respectivamente.
Usando o rexistro de afiliacións á seguridade social como unha estimación do emprego municipal, entre os anos 2011 e 2022, Palas de Rei experimentou un incremento do 2% no total de afiliacións, mentres que a nivel provincial apenas se produciron cambios no número de afiliacións e a nivel galego o número de afiliacións aumentou nun 8%. O sector primario sofre un importante descenso de afiliados coa perda dun 15,5% de afiliados. O sector secundario experimentou unha redución arredor do 3% de afiliados. O sector terciario gaña peso cun incremento do número de afiliados do 15,8%. En 2022, o sector primario é o segundo sector produtivo con maior proporción de afiliacións do municipio, recollendo o 25% destas. O sector terciario é o sector con maior proporción de afiliacións, representando o 57% no concello. O sector secundario conta con arredor do 18% das afiliacións.
En 2022, Palas e Rei tiña unha taxa de actividade do 75%. A taxa de ocupación chega preto do 70%. A taxa de paro presenta un descenso paulatino desde 2011 do 10,5%, que posteriormente se incrementa ata alcanzar o 15,7% en 2013 e remata no 8% en 2022.
Recursos enerxéticos
Palas de Rei conta cunha importante infraestrutura enerxética baseada en fontes renovables, en concreto eólica e solar fotovoltaica. A potencia instalada da enerxía eólica é de 15 MW desde 2000, distribuídos en 25 aeroxeradores que acadan unha produción anual de preto de 22.800-39.000 MW. Así mesmo, conta con aproximadamente 101,3 quilovatios de enerxía solar fotovoltaica instalada. Non obstante, unha maior diversificación das fontes de enerxía renovables é fundamental para reforzar a resiliencia enerxética do municipio e maximizar o seu potencial económico. A expansión doutras formas de enerxía renovable, como a hidroeléctrica ou a biomasa, non só contribuiría a reducir a dependencia dunha soa fonte, senón que tamén podería xerar novas oportunidades económicas e laborais na zona.
O consumo eléctrico estimado de Palas de Rei en 2023 de 9.637,60 MWh. O consumo residencial foi de 5.808,68 MWh. O consumo dos servizos, incluídos os municipais, foi de 2.448,42 MWh. A industria consumiu 1.380,50 MWh.