O GDR Terra e Auga, localizado no sur da provincia de Pontevedra, volveu dar un paso adiante en favor da transición enerxética coa organización dun Curso de Iniciación ás Comunidades Enerxéticas Rurais de catro xornadas de duración (20 horas). Os docentes das dúas primeiras sesións van ser Xavier Simón, catedrático de Economía Aplicada e coordinador de EC4RURAL, e a técnica do proxecto Almudena Fiunte.

O martes, 25 de xuño tivo lugar a primeira sesión formativa, que se dividiu en dúas partes. Na primeira, realizouse unha exposición teórica sobre sistemas eléctricos á que seguiu unha dinámica participativa para traballar os conceptos vistos e que, en xeral, versaron sobre a situación actual do mercado enerxético, a transición enerxética e a xeración eléctrica distribuída a través de comunidades enerxéticas, que é o modelo no que se basea EC4RURAL.

Na segunda parte, a exposición teórica acompañouse do visionado dun vídeo sobre cidadanía enerxética cun posterior debate entre as persoas asistentes para afondar no cambio que persegue EC4RURAL: a evolución do modelo de consumidor a prosumidor.

A segunda sesión que dirixirán os técnicos de EC4RURAL terá lugar o mércores, 30 de xullo.

O Curso de Iniciación ás Comunidades Enerxéticas Rurais do GDR Terra e Auga continuará tras o verán. O 17 de setembro (9:00-14:00h), o docente será Carlos Amoeiro Souto da Universidade da Coruña, e o 20 de setembro, Mauro Vázquez Álvarez, de Belian Energy.

Aliñados con EC4RURAL

Cabe recordar que dos 22 municipios galegos que participan no piloto galego de EC4RURAL, un deles, Salvaterra de Miño (Pontevedra) forma parte do GDR Terra e Auga.

Esta entidade supramunicipal sempre se amosou aliñada cos principios e obxectivos do proxecto. De feito, o pasado 4 de abril Xavier Simón, catedrático de Economía Aplicada e coordinador de EC4RURAL, foi convidado a unha sesión de traballo na que se estudou a viabilidade do proxecto Xera. Esta vai ser a ferramenta estratéxica do GDR Terra e Auga que promoverá a transición enerxética a nivel supramunicipal nos dez concellos do territorio: A Cañiza, As Neves, Arbo, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño.