O pasado venres, Xavier Simón, catedrático de Economía Aplicada e coordinador do proxecto EC4RURAL, participou como relator na sesión organizada polo GDR Terra e Auga para estudar a viabilidade do proxecto Xera como ferramenta que promoverá a transición enerxética a nivel supramunicipal nos dez concellos deste territorio (A Cañiza, As Neves, Arbo, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas and Salvaterra de Miño).
No Centro de Emprendemento Dinamización Empresarial de Ponteareas (CEDEP) os representantes municipais manifestaron o seu acordo para traballar unidos no cambio no modelo enerxético cunha planificación conxunta e de ámbito supramunicipal da man do GDR Terra e Auga. A folla de ruta agora pasa por seguir formándose e ofrecendo formación e información, así como convocar novos encontros nos que avanzar na lexislación e profundizar nos aspectos técnicos fundamentais para unha planificación axeitada.
Desde o punto de Simón, foi un encontro moi creativo e construtivo xa que a mesa de debate estaba integrada polos concellos, o GDR Terra e Auga, a enxeñería Lumea, propiedade da distribuidora local Grupo Sestelo, e a Universidade de Vigo, representada por el mesmo. “A sesión abordouse desde unha perspectiva multiactor que encaixa totalmente coa proposta de traballo de EC4RURAL”, destacou.
Os representantes municipais presentes, ademais de resaltar a conveniencia da sesión, valoraron a necesidade de seguir esta liña de traballo debido a que os atrancos principais, e iniciais, están sobre todo vinculados co descoñecemento da cidadanía, pero tamén dos propios técnicos municipais. “Esa limitación é necesario vencela e o noso proxecto pode axudar”, valorou o coordinador de EC4RURAL.
Primeiro paso fundamental
Outro valor engadido do proxecto Xera do GDR Terra e Auga é que, desde un principio, contan coa participación das distribuidoras no deseño das comunidades enerxéticas rurais (CER). “Neste GDR existe unha vantaxe importante debido a que en varios concellos operan distribuidoras históricas, moi apegadas ao territorio como Sociedad Electricista de Tui (SETA) e Hermanos Requejo; e tamén está UFD”, comentaba a posteriori Simón.
No seu turno de palabra, Simón presentou o proxecto e a experiencia de EC4RURAL para constitución de comunidades enerxéticas rurais que se basea en deseñar estratexias locais, de pequena escala, controladas polos actores locais. “Cando exista un número suficiente delas será posible pensar en iniciativas de ámbito territorial maior que as agrupen, lles dean cobertura loxística e sirvan tamén para aproveitar todas as potencialidades deste novo modelo enerxético”. No territorio do GDR Terra e Auga, Simón non esqueceu destacar a “experiencia incipiente e exemplo a imitar” do Concello das Neves.