O venres, 7 de xuño, EC4RURAL estivo presente na 59 edición da Feria de Mostras de Vegadeo xa que é un dos proxectos que, actualmente, se están desenvolvendo neste territorio no norte de Lugo. Dos 22 concellos adscritos a EC4RURAL para constituír comunidades enerxéticas rurais, 3 deles son Muras, Ourol e O Valadouro.
No caso de EC4RURAL, a técnica Almudena Fiunte presentou (vía online) os desafíos que presentan as zonas rurais e como as comunidades enerxéticas rurais poden ser unha ferramenta útil para combater retos como a transición enerxética ou o despoboamento. Durante o seu relatorio tamén fixo un percorrido polo amparo legal, polos actores e polo réxime de funcionamento.
Ademais de EC4RURAL, durante esta sesión, tamén se presentaron outros proxectos desenvolvidos no territorio como CLIMALAT, a Estratexia Alimentaria EO alimenta, Alimenta Territorios ou a Rede de Pueblos Acogedores.
A participación de EC4RURAL neste tipo de encontros locais permítelle ao consorcio continuar divulgando os obxectivos do proxecto e ter un contacto directo con axentes do territorio ou coa veciñanza que non tivo de asistir ás primeiras reunións informativas convocadas en cada concello.
Que é EC4RURAL?
A través do proxecto europeo EC4RURAL implementarase un novo cambio de paradigma a través de 2 pilotos, un en Estonia e o outro en Galicia. O obxectivo en 2027 será a constitución de 34 comunidades enerxéticas rurais que produzan electricidade mediante paneis fotovoltaicos sobre tellados de edificios públicos.
No #PilotoGalicia participan 22 concellos: Mazaricos, Moeche, Ordes, Outes, Tordoia, Vedra, Vilasantar (A Coruña); Avión, Entrimo, Muíños (Ourense), Becerreá, Monterroso, Muras, Ourol, Palas de Rei, A Pobra do Brollón, Sober, O Valadouro (Lugo); O Rosal, Salvaterra de Miño, Silleda e Tomiño (Pontevedra).
EC4RURAL está cofinanciado polo LIFE Programme da Unión Europea (1,6M€) e implementarase ao longo do período 2023-2027 en varias fases.