Este venres, 19 de abril, EC4RURAL estará presente na II Feira de Sostibilidade do IES Luis Seoane de Pontevedra convidados por Eco-Étika, un grupo de traballo de persoas vinculadas á comunidade educativa que promove a reflexión crítica sobre o modelo actual de consumo co fin de centrarse nos efectos sociais e medioambientais. A asistencia a este evento forma parte das acción de divulgación e sensibilización para dar a coñecer o noso proxecto.
En concreto, o equipo técnico de EC4RURAL participará no taller denominado “Enerxía en Acción”, dirixido ao alumnado do centro e que ten como obxectivo inspirar un pensamento crítico sobre o sistema enerxético actual e fomentar solucións sostibles e participativas.
O obradoiro centrarase en abordar diversas cuestións clave. Despois de facer unha radiografía do ecosistema enerxético e das alternativas “non convencionais” que están ao alcance da cidadanía, a rapazada reflexionará sobre o concepto de cidadanía enerxética e o papel fundamental que desempeñan as comunidades enerxéticas rurais na transición cara a un modelo máis sostible. O equipo técnico de EC4RURAL participará activamente nesta dinámica para colaborar na reflexión e presentar o traballo que se vén facendo en Galicia desde setembro pasado, así como as accións que se desenvolverán en próximos meses para a implantación de 22 comunidades enerxéticas rurais noutros tantos concellos galegos como son Mazaricos, Moeche, Ordes, Outes, Tordoia, Vedra, Vilasantar (A Coruña); Avión, Entrimo, Muíños (Ourense), Becerreá, Monterroso, Muras, Ourol, Palas de Rei, A Pobra do Brollón, Sober, O Valadouro (Lugo); O Rosal, Salvaterra de Miño, Silleda e Tomiño (Pontevedra).
O obxectivo principal de “Enerxía en Acción” é empoderar ao alumnado para que se converta en axente de cambio no ámbito enerxético, resaltando a importancia de educar e de capacitar ás xeracións futuras para que comprendan os desafíos enerxéticos aos que nos enfrontamos e se comprometan activamente na procura de solucións innovadoras e sostibles.
A II Feira de Sostibilidade do IES Luis Seoane de Pontevedra está promovida por un grupo de alumnado e profesorado que traballan para crear conciencia na sociedade, especialmente entre a comunidade educativa, sobre o consumo responsable, o coidado do medio ambiente e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible relacionados coa Axenda 2030.