O proxecto europeo EC4RURAL botou a andar este mes de setembro cun orzamento de 1,6 millóns de euros e dez socios de tres países liderados pola Universidade de Vigo co obxectivo impulsar a transición cara as enerxías limpas nas zonas rurais europeas a través de comunidades enerxéticas. As entidades que forman parte deste consorcio estiveron reunidas na xuntanza de lanzamento deste proxecto, que ten un horizonte de traballo de 48 meses e está co-financiado polo Programa Life.
A Universidade de Vigo lidera o consorcio multidisciplinario do que forman parte a Universidade de Tartu (Estonia), a Federación Galega de Municipios e Provincias, a Asociación de Cidades e Municipios de Estonia, a Axencia Rexional da Enerxía de Tartu, a cooperativa Sapiens Energía, a Unión LEADER de Estonia, Espazocoop Unión de Cooperativas Galegas, a Fundación Juana de Vega e a Asociación Europea de Grupos LEADER para o Desenvolvemento Rural, de Bélxica.
Na apertura da xuntanza de lanzamento participaron Maribel Doval, vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade; Carlos Martínez Carrillo, vicepresidente da Fegamp e Xavier Simón, investigador principal do proxecto, perteneciente ao Departamento de Economía Aplicada, membro do Cispac (Centro Interuniversitario de Investigación das Paisaxes Culturais Atlánticas) e responsable do Observatorio Eólico de Galicia. Simón explica que a finalidade de EC4RURAL é impulsar a creación de comunidades enerxéticas en municipios rurais, que se atopan nunha situación desfavorecida en Europa a pesar da súa riqueza de recursos. A despoboación, xunto co acceso limitado a servizos básicos e ao emprego, tradúcense a miúdo na pobreza enerxética das persoas que habitan nestas zonas, situación agravada polos elevados prezos da enerxía. Así, o reto deste consorcio é axudar a transformar as relacións entre as autoridades locais e rexionais e as comunidades rurais para contribuír así á transición cara unha enerxía limpa en Europa e garantindo que estas zonas rurais formen parte e se beneficien dos procesos de transición liderados por comunidades que producen electricidade mediante paneis fotovoltaicos.
Este cambio de paradigma arranca a través de dous pilotos en Estonia e España, que permitirán a creación e posta en funcionamento de 34 comunidades enerxéticas en outros tanto municipios rurais, 12 en Estonia e 22 en Galicia (Avión, Becerreá, Entrimo, Mazaricos, Moeche, Monterroso, Muíños, Muras, Ordes, Ourol, Outes, Palas de Rei, A Pobra do Brollón, O Rosal, Salvaterra de Miño, Silleda, Sober, Tomiño, Tordoia, O Valadouro, Vedra e Vilasantar). Isto implica actuar sobre preto de 2700 hectáreas e 94.000 habitantes.
Ao longo dos 48 meses de traballo, o equipo tamén se centrará en mellorar a formación no eido do desenvolvemento enerxético comunitario, tanto dende o punto de vista xurídico como técnico e financeiro dos axentes locais para que poidan apoiar estas iniciativas. Promoveranse decisións de inversión flexibles e viables a través de modelos de negocio en enerxías renovables para a produción enerxética en zonas rurais e proporcionaranse recomendacións no eido político e no legal e regulamentario. Con todo isto, tratase de contribuír ao Segundo Piar da Política Agrícola Común e á Axenda Territorial Europea. Finalmente, buscarase a escalabilidade do proxecto e a súa replicabilidade noutras rexións.