A pasada semana, Xavier Simón, coordinador de EC4RURAL, asistiu a dous foros sectoriais de relevancia para divulgar o proxecto e o traballo que se está realizando en Galicia e en Estonia para constituír 34 comunidades enerxéticas rurais.

O mércores 13 e xoves 14 de marzo, Simón participou xunto con Reigo Lehtla, da Asociación de Cidades e Municipios de Estonia (AECM), nun evento organizado en Bruxelas pola Axencia Executiva Europea do Clima, Medio Ambiente e Infraestruturas (CINEA) para dar a coñecer todos os proxectos aprobados nas convocatorias 2021-2022 dentro da convocatoria LIFE-CET Comunidades Enerxéticas. Foi unha oportunidade para reforzar o papel das enerxías renovables, pero tamén crear sinerxías entre proxectos similares e, sobre todo, coas persoas que os poñen en marcha.

“Nesta chamada de CINEA, explicaba Xavier Simón, compartimos dous días de traballo con grupos europeos diversos: universidades, ONG, institutos de investigación, municipalidades, axencias públicas… que traballan para transformar o sistema enerxético en dúas direccións indisociables: o uso de fontes renovables a nivel local baixo o control de entidades democráticas locais. EC4RURAL é parte diso. Foi alentador ver a outros xa máis avanzados, pero tamén desafiante debido as barreiras existentes”.

Durante a presentación de cada un dos 20 proxectos participantes de España, Francia, Irlanda, Austria, Bélxica, Portugal, Alemaña, Grecia e Croacia, cada responsable puido expoñer os avances ou resultados conseguidos. No caso de EC4RURAL “resaltaron a nosa ambición e recomendáronnos crear unha única entidade rexional que dea cobertura de xestión a todas as instalacións locais durante os 25 anos de vida”. Con esta figura, continuou Simón, “poderíanse aproveitar todas as vantaxes deste tipo de iniciativas colectivas transformativas no ámbito do sistema enerxético”.

 

Congreso en Euskadi

Un día despois de volver de Bruxelas, Xavier Simón desprazouse a Euskadi para participar como relator no I Congreso sobre Comunidades Enerxéticas e Economía Social organizado pola Rede de Comunidades Enerxéticas en colaboración co Ayuntamiento de Vitoria-Gasteiz. Baixo o título “Da transición enerxética verde cara á transición enerxética xusta: o caso de Galicia” presentou a experiencia de EC4RURAL ante máis dun centenar de expertos e líderes do sector.

Durante toda a mañá do sábado 16 de marzo, a través de diferentes intervencións e paneis, explorouse como as comunidades enerxéticas están a transformar o panorama enerxético e económico cara a un modelo máis xusto e sostible.